|
1) A ESPETEIRA (desmentido o mito dos artistas envexosos)
Daquela reuníamos no Mesón do Forno do gran Carreira, arredor dunha mesa de sancristía na Espeteira, nome dun espazo imaxinario ocupado por variopintos “personaxes amantes da arte e da poesía”.
Alí nun ambiente con arrecendo a “churrasco” foi xurdindo unha amizade baseada en pontos de mira comúns sobre como entender as cousas da vida e mesmo da arte.
Pasado un tempo prundencial e para paliar as nosas soidades buscamos, como remedio para a melancolía, un novo punto de encontro: a Sala Bacabú ocupada fundamentalmente na arte e nas curiosidades.
2) BACABÚ
Foi en espazo con tres pequenas salas no número un da naquel entón, esteada Praza do Campo. Nun primeiro andar no que se chegaba por unha escaleiriña de pasos luídos polo tempo.
Un lugar distinto onde expor e vender cadros, esculturas, instalacións varias e até árbores do Nadal. Una sala alternativa sen afán de lucro e alonxada dos plantexamentos mercantilistas habituais no mundo da arte.
Fernando Villapol Parapar permaneceu un ano como socio até que o deixou. Non en van o proxecto naceu con esta data de caducidade premeditada.
Mais descubrimos que había motivos para reiniciar a aventura: a nosa amizade e a idea de seguir contribuíndo á revitalización dos casco histórico e en particular da Praza do Campo tan fermosa e simpática cunha fonte de tres canos que mana viño unha vez cada ano.
Queriamos seguir mantendo este punto de encontro cálido e amábel para moitos amigos que sabían que sempre estábamos por alí e para tantos artistas que intuían que Bacabú era espazo aberto e con criterios de selección non demasiado estritos.
A trascendencia nunca foi a máxima desta pequena leria, a exposición morta exposición posta: 50 exposicións en tres anos todas ben fornecidas de viño e empanada (xamais de bonito, por favor!)
Case chegamos a crernos galeristas en serio e mesmo próceres da cultura lucense!… mais Bacabú acabouse, sen dramas, como comenzou, ao perder o proxecto a frescura da xuventude.
3) DESPOIS DE BACABÚ
Seguimos xuntos falando e perpetrando algunha mostra colectiva.
Preparamos varias carpetas conxuntas da obra gráfica (gravado e serigrafía) con temas sempre de candente actualidade: o sexo, o viño e o boxeo.
Fixemos unha pequena incursión no humor gráfico editando un fanzine “¡¡que vienen los rojos!!”, desastre editorial sen precedentes…, se queren aínda nos quedan algunhas revistas…
E por último facemos unha homenaxe sincera á xente tan seria para nós como os poetas Joan Brossa e Chumy Chumez, obra colectiva que expuxemos no taller de
Quique Bordell no Campo Castelo.
4) O MUSEO
A final, cando apuntamos canas, o museo proponnos como grupo unha mostra retropectiva desde Bacabú até 2008 e aceptamos agradecidos e aliviados, sabendo que só estaremos alí un mes como “okupas” insensatos.
Non se molesten en achar un fío condutor que relacione a obra de todos. Non o hai. Só estamos de acordo en que percorremos camiños distintos para, iso si, chegar ao mesmo lugar: estas salas do Museo onde Luca Giordano, Pérez Villamil, Arturo Souto, Asorey, Castro Gil, Julio Minguillón e Tino iluminaron tantas chuviosas mañás de domingo da nosa xuventude.
Salas silandeiras impregnadas de enerxía que emana de cada unha das súas obras. Pasaremos, polo tanto a furto para non despertalos. Saúde mestres! Unha aperta moi forte colegas!
|